Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A Xunta abre o prazo para participar no tratamento experimental do cancro do castiñeiro

Unha vez comenzadas as actuacións descritas no Plan de actuacións de loita contra as enfermidades do castiñeiro no 2020, facilitase o novo modelo de solicitude individual para participar no tratamento experimental de distribución de cepas hipovirulentas para combater a enfermidade do cancro do castiñeiro (Cryphonectria parasitica), no que deberán realizarse todas as novas peticións durante o ano 2020. O modelo de solicitude, así como o Plan de actuacións, tamén poden descargarse na páxina web da Consellería do Medio Rural:

https://mediorural.xunta.gal/areas/forestal/silvicultura/sanidade_forestal/

As solicitudes poderán presentarse nos lugares habituais (xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural, servizos provinciais de Montes, oficinas dos distritos forestais, oficinas agrarias comarcais), ou no enderezo electrónico

sanidadeforestal.cmrm@xunta.gal

Aviso de corte programado de suministro eléctrico

A empresa Unión Fenosa (ufd grupo Naturgy) vén de remitir unha comunicación ao Concello, informando da necesidade de efectuar traballos de mantemento e desenvolvemento da rede eléctrica, o que poderá provocar cortes no suministro eléctrico o día 30 de xaneiro de 2020, de 8.00 a 12.00 horas. A continuación, pode ver o texto da comunicación recibida:

“Co fin de efectuar os traballos de mantemento e desenvolvemento da rede eléctrica precisos para poder atender nas mellores condicións as necesidades de subministración da zona, informámoslles que o próximo día 30 de xaneiro de 2020, de 8.00 a 12.00 horas., imos proceder a deixar fóra de servizo unha serie de instalacións, o cal pode provocar interrupcións na subministración de electricidade durante ese intervalo de tempo.”

As instalacións eléctricas sometidas a descargo afectan ás seguintes rúas ou lugares:

  • AGROCHAO (PIÑEIRO).
  • ATRIO. BARRAL -REGOA (BARRAL).
  • BEREIXO.
  • BOUZA.
  • CANABAL.
  • CASANOVA -PIÑEIRO (CASANOVA).
  • CASANOVA -REGOA (CASANOVA).
  • CEDEIRA (CASA GRANDE, SILVA).
  • DIAMANTEL.
  • EIRAVEDRA.
  • ERBELLAS -MONTOXO (ERBELLAS).
  • ERBELLAS – REGOA (ERBELLAS).
  • FORMIGUEIRO.
  • MOSENDE.
  • NOGUEIRA.
  • PAINCEIRA.
  • PARDIÑEIRA.
  • PENEIRO -PIÑEIRO ( PENEIRO (SAN COSME PIÑEIRO)).
  • PONTIGAS.
  • REGO.
  • RUA.
  • TIDE.
  • VENTOSA.
    VERIÑO DE ABAIXO.

O Concello de Cedeira está a estrear máis de 2,6 quilómetros de novos asfaltados

O Concello de Cedeira informa da posta en servizo dos máis de 2,6 quilómetros de novos asfaltados acometidos con cargo aos Fondos Feder, participados pola administración local e Xunta de Galicia. Son as obras realizadas nos camiños públicos Piñeiro, O Campón, A Pasada e Os Edreiros, viais moi transitados e que requerían distintas intervencións segundo o estado que presentaban cada unha delas.

A limpeza de gavias, a aplicación de tratamentos semiprofundos e de capas de macádam de quince centímetros naqueles tramos que se atopaban en peores condicións son algunhas das actuacións realizadas pola empresa adxudicataria dun proxecto que supuxo un gasto superior aos 53.000 euros.

Así, no camiño de Piñeiro, cuxa lonxitude é de 360 metros e cun ancho de 3,5 metros, a obra executada deulle homoxeneidade a toda a superficie coa aplicación de tratamentos semiprofundos e rego de selado.

No caso do camiño do Campón, a actuación tamén deu lugar á utilización de regos de asfaltado e selado. A lonxitude do camiño Os Edreiros supera o medio quilómetro e o estado no que se atopaba requiriu o uso de macádam para eliminar as fochancas que se localizaban principalmente nun tramo de cen metros. A intervención que presentaba unha maior dificultade foi a que tivo lugar no camiño da Posada que, dividida en dous tramos de 450 e 600 metros, requiriu a substitución do macádam por tratamento semiprofundo, rego superficial e selado no tramo principal, e a aplicación dunha capa de saburra e os regos correspondentes no tramo máis pequeno.

O goberno municipal segue a investir no arranxo de camiños públicos por considerar que a optimización das infraestruturas garante a seguridade viaria e mellora a comunicación dentro do territorio.

Cedeira avanza nas negociacións para ampliar o Centro de Saúde

A Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol apoia ao Concello de Cedeira na súa demanda de ampliación do centro de saúde. Esta boa disposición púxose unha vez máis de manifesto na reunión celebrada no día de onte entre o alcalde da localidade, Pablo Moreda Gil, e o responsable da xerencia sanitaria, Ángel Facio Villanueva.

O encontro deu como resultado o envío por parte do rexedor municipal á directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro Bello, da documentación relativa á cesión da parcela necesaria para a realización da obra e do anteproxecto da ampliación do centro médico, así como unha petición formal para que, “á maior brevidade posible, técnicos do Sergas inspeccionen o espazo que se propón poñer a disposición da Concellería para que determinen as actuacións urbanísticas que sexa preciso desenvolver”.

O alcalde de Cedeira aproveitou a ocasión para recordar á responsable do Sergas as necesidades que existen no municipio con respecto ao centro de saúde e, neste sentido, apuntou que é urxente incorporar aqueles servizos que hoxe fan inevitable o desprazamento dos veciños a Ferrol, entre os que cita rehabilitación, fisioterapia e odontoloxía, e enumerou así mesmo as queixas máis usuais que existen entre os profesionais do sector. Escaseza de consultas, deficiencias estruturais no servizo de urxencias, ausencia de sala de reunións e falta dunha sala propia para a área de pediatría son algúns dos problemas que agora existen no centro de saúde de Cedeira e aos que tamén se lles poden engadir as goteiras, os cheiros e accesos deficientes.

Ante estas realidades, que no seu momento deron lugar a mobilizacións por parte da veciñanza e mesmo do persoal sanitario do centro, o Concello de Cedeira optou no ano 2018 por darlle solución á situación adquirindo a planta baixa, a terceira e o baixo cuberta do inmoble anexo ao centro de saúde para garantir a ampliación do mesmo. O devandito acordo formalizouse o pasado mes de decembro coa firma da escritura pública de compraventa entre a Xunta de Galicia e a administración local pola cantidade de 60.000 euros. Este compromiso tamén pasa pola cesión da propiedade á Consellería de Sanidade.

Pablo Moreda agradece a Ángel Facio a colaboración e a sensibilidade que ven demostrando con respecto a esta demanda e considera que se trata dunha reivindicación xusta e necesaria para dispoñer dos servizos médicos que necesita a poboación local así como as persoas que teñen na vila unha segunda residencia. O alcalde anuncia tamén que os servizos técnicos do Concello se porán a disposición dos da Xunta para traballar de maneira conxunta na realización dunha obra tan demandada como urxente para adaptar os recursos públicos as prestacións que esperan deles os seus usuarios.

O Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal presentarase este xoves en FITUR

A preparación da candidatura a xeoparque da zona do Cabo Ortegal continúa desenvolvendo accións de difusión para apuntalar o proxecto. Hai uns días estreou web, desde hai semanas están en marcha as redes sociais e, ademais, tamén se acaba de publicar un espectacular vídeo que percorre os principais elementos xeolóxicos e paisaxísticos dos sete municipios promotores. Con estes elemenos e co traballo desenvolvido nos últimos anos, o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal desembarca este xoves á tarde en FITUR, un dos maiores foros mundiais do turismo, onde será presentado como destino sustentable pola Deputación da Coruña e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. O evento para público e medios especializados desenvolverase ás 16.30h. no pavillón de Galicia -Pavillón 9, espazos 9C07 e 9C09- e nel tamén se falará do Camiño a Santo André e do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Alén de participar nestas presentacións, os concellos implicados no proxecto tamén aproveitarán a cita para acudiren a distintos actos organizados pola Rede Mundial de Xeoparques e polo Foro dos Xeoparques Españois.

No foro están integrados os 13 xeoparques UNESCO que existen nestes momentos no Estado. O organismo é parte decisoria e decisiva no proceso de admisión de novas candidaturas que, antes de obter o distintivo da UNESCO, deben pasar por dous anos de trámites. A intención de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño -os sete municipios promotores do proxecto do Cabo Ortegal- é ter toda a documentación lista para antes do 1 de abril, data en que se pecha o prazo para achegar o documento de intencións co que empeza o percorrido de calquera xeoparque.

FITUR ofrece neste sentido unha ocasión ideal para ampliar información coa que rematar de perfilar a parte técnica da candidatura, xa que ademais de ser un escaparate das principais tendencias no ámbito do turismo, tamén é lugar no que intercambiar impresións e ver experiencias exitosas que se están levando a cabo noutros xeoparques xa en funcionamento. De feito, a Rede de Xeoparques Mundiais da UNESCO conta con stand propio na feira -pavillón 4 espazo 4G28- e o foro estatal desenvolverá dous eventos especializados: o xoves 23 ás 11.00h. a presentación da revista divulgativa “Descubrir os Xeoparques de España” -expositor de Castela e León, pavillón 7, espazos 7B02 e 04- e, a partir das 15.30h, a sesión “Xeoparques, destinos innovadores de turismo sostible”, que terá lugar no stand de Turespaña, situado na parcela 9C02 do pavillón 9.

A representación do proxecto do Cabo Ortegal asistirá a ambos encontros e, ao remate do de primeira hora da tarde, trasladarase ao expositor de Galicia, que funcionará durante a feira como epicentro de toda a promoción turística de Xunta, deputacións, concellos e doutras institucións galegas. Alí presentarase ás 16.30h. a iniciativa do xeoparque, apoiada pola Deputación da Coruña, polos sete concellos implicados, pola Mancomunidade de Concellos de Ferrol e tamén pola Xunta, quen se comprometeu hai unhas semanas a asinar a carta de apoio que debe acompañar a manifestación de intencións que se ha de remitir antes de abril.

No acto intervirán o delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, o vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o presidente da Mancomunidade de municipios da zona e alcalde de Ferrol, Ángel Mato. Os tres estarán acompañados pola alcaldesa de Moeche e presidenta de quenda da Comunidade Intermunicipal de xestión do proxecto, Beatriz Bascoy, e polos alcaldes de Cariño, Cedeira, Cerdido, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño. Na presentación repasaranse brevemente as fortalezas do territorio para obter o selo de Xeoparque Mundial da UNESCO e tamén se proxectará o vídeo promocional, ademais de mostrar a web e a presenza en Facebook, Twitter, Instagram e Youtube.

Chamamento ao apoio social
A presentación en FITUR e a participación nas actividades dos xeoparques forman parte das accións promocionais do proxecto que se veñen desenvolvendo practicamente desde 2015, cando os sete municipios decidiron abandeirar unha idea proposta inicialmente pola Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal. Desde aquela os concellos levaron a cabo xeorutas, xornadas técnicas e de divulgación; lograron a implicación da Deputación da Coruña nunha comunidade que impulsase o proxecto e sentaron as bases para unha asociación que se encargue da futura xestión desta figura de relevancia internacional no caso de que se logre o ansiado distintivo.

Un dos últimos pasos que se deron foi a posta en marcha das páxinas nas principais redes sociais, xunto coa produción dun pequeno vídeo que dá unha visión xeral da riqueza xeolóxica e paisaxística do territorio. Ademais, a web proxecto.xeoparquecaboortegal.gal recolle tanto a explicación sobre que son os xeoparques como os argumentos que fan da zona do Ortegal unha firme candidata a obter a cualificación, similar en canto a status a unha declaración de Patrimonio da Humanidade. No sitio tamén é posible deixar constancia sobre o apoio á candidatura, algo que se lle pide a todo o tecido social dos sete municipios e que en tan só cinco días -a web publicouse o pasado venres- xa fixeran 133 persoas, colectivos e empresas de dentro e fóra do ámbito xeográfico do proxecto.

Fuente : www.proxecto.xeoparquecaboortegal.gal

 

O Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal presentarase este xoves en FITUR

Cedeira asinará un convenio coa Xunta que garanta a continuidade do proxecto arqueolóxico do Sarridal

O Concello de Cedeira asinará un convenio coa Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, que garanta a continuidade dos traballos arqueolóxicos no campo do Sarridal.

É a resposta da administración autonómica á petición formulada desde o Concello no sentido de buscar apoio financiero e técnico para desenvolver un proxecto que resulta “prioritario” para a posta en valor e a difusión do patrimonio local, segundo apuntou o rexedor municipal, Pablo Moreda Gil, á saída da entrevista coa directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Insua. Participaron tamén no encontro o xefe de Arqueoloxía da Xunta, Roberto Pena Puente, e María Xosé Rodríguez López, concelleira do BNG na corporación municipal, arqueóloga de profesión e persoa coa que quere contar o goberno municipal “polos seus coñecementos e a súa implicación no arranque dun proxecto que é de toda a corporación”, dixo o alcalde.

A sinatura do acordo implica o compromiso explícito do Concello de seguir investindo no xacemento, coa “dificultade” de que “non sabemos ata onde pode chegar”, segundo apuntou Moreda Gil. Seguiranse a presentar tamén traballos tanto do que se leva realizado como do que está proxectado para o presente ano. Neste sentido, o alcalde apuntou que os traballos máis inmediatos consistirán na consolidación da muralla, a construción dun peche perimetral e a difusión da riqueza patrimonial do xacemento entre o alumnado do colexio Nicolás del Río e do IES Candieira.

O alcalde, que valora e agradece a boa disposición atopada entre os responsables da Xunta, entende que o proyecto de Sarridal é de “gran relevancia” tanto para o presente como para o futuro de Cedeira, considera que o coñecemento do patrimonio local axuda a crear comunidade e pon de manifesto o total compromiso do executivo local na posta en valor deste potencial como referencia “dunha Cedeira histórica pero con futuro”.

Pola súa banda, a concelleira do BNG, María Xosé López, mostrou o seu total compromiso a seguir colaborando na consolidación e prolongación do traballo arqueolóxico do Sarridal, “tanto por interese persoal e profesional como por ter participado no inicio dun proxecto posto en marcha polo anterior goberno do que eu formaba parte”.

Comeza a funcionar o elevador de escaleiras no Polideportivo de Cedeira

No polideportivo municipal de Cedeira xa está a funcionar o elevador de escaleiras instalado polo Concello como medida de accebilidade.

Trátase dunha plataforma que permite salvar os tramos de chanzos ata as bancadas situadas no primeiro e segundo andar do pavillón municipal, no que se desenvolve unha ampla actividade deportiva ao longo de todo o ano.

O investimento realizado superou os 14.400 euros, unha cantidade que se suma a outras anteriores e de maior contía que deron lugar á instalación dun ascensor na biblioteca, á ampliación de beirarrúas nas principais avenidas da vila e ao proceso de eliminación de barreiras arquitectónicas acometido tanto nos pasos de peóns como nos edificios públicos, entre outros no Palacete.

Máis recentemente o Concello acometeu a reforma da rúa Convento coa intención de mellorar a súa accesibilidade e, cara ao presente mandato, prográmase a reurbanización da praza 18 Decembro, antes coñecida como a dos Cabalos. Neste proxecto prevese a instalación de pavimentos táctiles para persoas con discapacidade visual nalgunos tramos da zona peonil, entre outras medidas de accesibilidade.

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, recordou que entre os obxectivos do goberno municipal está “a facer de Cedeira un concello accesible, tanto á hora de utilizar edificios públicos como de facer deporte, pasear polos espazos verdes ou camiñar polas beirarrúas”. O plan municipal de mobilidade está a ser a referencia do goberno municipal para adecuar os espazos comúns ao uso de todos.

Xunta, Concello e Confraría comprométense co futuro do pósito local

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, acompañado do Patrón Maior da Confraría, Eduardo González López, reuníronse onte en Santiago coa titular da Consellería do Mar, Rosa Quintana Carballo, para abordar de maneira conxunta o problema que está a xerar a actual fábrica de xeo polos seus elevados custos tanto de mantemento, uns 100.000 euros anuais, como de consumo. A factura eléctrica anual está entre os 60.000 e 70.000 euros.

A proposta da Consellería do Mar, cuxa titular mostrou a súa preocupación pola situación que está a atravesar a Confraría, o acordo alcanzado esta mañá pasa por unha implicación das tres partes, Xunta, Concello e Confraría, para garantir a viabilidade do pósito, con accións a curto, medio e largo prazo.

Así, de maneira inmediata a Confraría buscará financiamento para o gasto enerxético a través das axudas que en cuestión de días convocará a Consellería do Mar e cuxa contía pode chegar aos 60.000 euros.

O compromiso do Concello pasa, a medio prazo, pola compra de dúas propiedades do pósito local, mentres que a acción do executivo autonómico, que xa sería a mais longo prazo, dará lugar ao estudio dun proxecto para a construción dunha fábrica de xeo que se axuste ás necesidades e características da actividade pesqueira de Cedeira.

O rexedor municipal valorou a reunión celebrada onte en Santiago, ao tempo que mostraba o seu total apoio ás reivindicacións da Confraría por “ser un dos motores económicos máis importantes que ten Cedeira, por historia e tradición, e, sobre todo, pola cantidade de traballo co que colabora ao desenvolvendo local”. Pablo Moreda apuntou así mesmo que, non só hai que buscar empresas que veñan ao territorio, asunto que tamén é importante, senón que hai que conservar e loitar polo empresariado local, polo noso, para facer atractiva a nosa comarca, para que exista creación de emprego coa implantación de novas empresas pero tamén consolidar as que xa existen”.

 

O libro “A fuxida do bou Ramón” preséntase mañá no Palacete da Vila de Cedeira

O Concello de Cedeira convida a veciñanza a asistir mañá venres ao acto de presentación do libro A fuxida do bou Ramón, editado pola Deputación da Coruña e do que son os seus autores Enrique Barrera Beitia e Eliseo Fernández Fernández.

O Palacete municipal acollerá unha cita que dará comezo ás 19.00 horas e na que estarán presentes Enrique Barrera e Fernando Ocampo, este último responsable tanto das ilustracións dun libro que xa vai pola súa segunda edición como do vídeo que se proxectará no transcurso do devandito acto cultural.

A celebración do encontro dará lugar así mesmo á inauguración dunha exposición que, nun total de 60 paneis, explica os contidos dunha publicación na que se está a contar a historia de 27 republicanos que no ano 1936 fuxiron a Francia a través do porto de Ares. A mostra permanecerá aberta ao público ata o día 2 de febreiro e pódese visitar no horario habitual da oficina de Turismo, que durante o inverno é de luns a venres de 9.00 a 14.30 horas e os sábados de 10.00 a 14.00 horas.

A organización do acto corre a cargo do Concello e da Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol.