Cedeira enche o inverno de obradoiros de pintura, memoria, ximnasia e tapices

CEDEIRA ENCHE O INVERNO DE OBRADOIROS DE PINTURA, MEMORIA, XIMNASIA E TAPICES

O Concello de Cedeira enche o inverno de actividades gratuítas promovidas polas concellerías de Cultura e Servizos Sociais que, ademais de impartirse na vila, se trasladarán ás parroquias de Esteiro, Montoxo, Santalla e este ano, por primeira vez, tamén á de San Román. O programa inclúe pintura, manualidades, obradoiro de tapices, memoria e ximnasia terapéutica. O taller de tapices, polo de agora, só se fará na vila, e será os luns, en horario de catro a sete da tarde, no Palacete Municipal.

Desde o equipo de goberno se destaca a ampliación do programa coa incorporación da parroquia de San Román así como o incremento das propostas de ocio coa primeira edición do obradoiro de tapices. Esta última iniciativa vén de ter unha gran acollida por parte da veciñanza, e xa ten lista de espera. Tamén é intención do goberno completar estas convocatorias con clases de baile activo-zumba, que darán comezo un pouco máis adiante.

Os horarios son os seguintes:

Pintura, en Cedeira (nas Sindicais) os luns e martes de 10.00 a 13.00 horas, os mércores de 18.30 a 21.00 horas e os xoves de 19.00 a 21.30 horas . No Colexio Nicolás del Río serán os venres, entre as 16.00 e as 18.00 horas.
En Santalla, as clases de pintura serán os mércores de 16.00 a 18.00 horas; en Montoxo, os venres de 18.30 a 21.30 horas, e en San Román os venres pola mañá, de 10.30 a 12.30 horas.
Manualidades, en Cedeira (praza da Reitoral) os martes e venres en horario de 19.00 a 21.00 horas.
Memoria, en Cedeira (na biblioteca da cafetería do auditorio) os luns e venres ás 16.00 horas e ás 17.30 horas; en Esteiro-Saa, os mércores e xoves ás 16.00 horas; en Esteiro-Sisalde, martes ás 16.00 horas e mércores ás 17.15 horas; en Montoxo os martes e xoves ás 17.15 horas; en Santalla os martes e xoves ás 18.30 horas, e en San Román os luns e venres ás 17.30 horas.
Ximnasia terapéutica, en Cedeira (biblioteca da cafetería do auditorio) os martes ás 11.00 horas e tamén os martes, ás 9.45 horas, en Esteiro, mentres que os xoves serán en Montoxo, San Román e Santalla, ás 9.30, 10.45 e 12.00 horas, respectivamente.