Cedeira inviste máis de 12.400 euros en substituír as 32 luminarias do pavillón por outras de maior potencia

CEDEIRA INVISTE MÁIS DE 12.400 EUROS EN SUBSTITUÍR AS 32 LUMINARIAS DO PAVILLÓN POR OUTRAS DE MAIOR POTENCIA

O Concello de Cedeira vén de mellorar a iluminación do pavillón polideportivo substituíndo as luminarias actuais por outras de maior potencia. É a resposta do goberno municipal á demanda que viñan realizando tanto os usuarios como os clubs que utilizan as devanditas instalacións para os seus adestramentos e competicións. Esta reclamación ten o seu orixen no ano 2013 cando as luminarias de 400 w foron reemplazadas polas que agora acaban de se retirar.

O proxecto, polo tanto, consistiu na substitución das 32 luminarias actuais de 108 w de potencia por outras de 200, unha mellora que se fixo en base ao estudo lumínico realizado en 2018 pola empresa Grupo Energal para garantir unha visibilidade óptima para o desenvolvemento das actividades deportivas.

A obra, xa executada, foi realizada pola empresa Hallamann Energy e o seu importe ascendeu a 12.465,13 euros. Trátase de luminarias tipo campana, Factory 200 w 5500k.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, destacou a satisfacción que a día de hoxe existe entre os usuarios do pavillón e o goberno local pola cobertura e a garantía que representa a obra executada cara á celebración de competicións e mesmo adestramentos nunhas instalacións fundamentais para o deporte local. Moreda recordou que a esta situación se chega pola decisión do anterior goberno de rebaixar a potencia, “deixando en precario a luminosidade da pista polideportiva”.